Detectados 4 casos de gripe aviar en galicia, un deles en Cee

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de seis exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), e que constitúen catro focos diferenciados, localizados respectivamente en Sanxenxo (Pontevedra) e Cee, A Pobra do Caramiñal e Ortigueira (A Coruña).

Así, trátase dunha gaivota sombría (Larus fuscus) atopada no municipio de Sanxenxo e que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Cerdedo-Cotobade; de tres gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) atopadas en Cee e que constitúen un único foco,  outra na Pobra do Caramiñal e dun mascato (Morus bassanus) recollido no municipio de Ortigueira. Estas aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros.

Todas elas foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Con estes novos focos, son 14 os notificados en aves silvestres confirmados na nosa comunidade no ano 2025, pero cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso en aves de curral en Galicia.

Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 108 (110 se consideramos o período desde o 1 de xaneiro), un número inusualmente elevado comparado cos datos de anos anteriores. A situación en Europa tamén reflicte un incremento considerable no número de focos nas últimas semanas.