
O alcalde de Agolada, Luis Calvo (PAyJ), anunciou por sorpresa na tarde deste luns a súa dimisión, dúas semanas despois de facerse pública a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que, aínda que o absolveu dun delito de falsidade documental, ratificou a súa inhabilitación para cargo público durante nove anos por ter adoptado unha decisión administrativa á marxe da normativa vixente.
O fallo do alto tribunal considera probado que a orde de Calvo para paralizar as obras da depuradora da empresa láctea Farelo non se tomou conforme ás regras que rexen o funcionamento da administración pública. Esta actuación, que xa fora obxecto dunha condena previa por parte da Audiencia Provincial —xunto cunha pena de prisión posteriormente corrixida—, sustenta a inhabilitación que agora precipita a súa saída da alcaldía.
Nun comunicado publicado no seu perfil de Facebook, Calvo anunciou que o seu substituto será o tenente de alcalde e home de confianza durante os dous mandatos, Óscar Val, garantindo así a continuidade do PAyJ á fronte do Concello.
Na súa despedida, o rexedor empregou un ton abertamente crítico: asegura que presenta a súa dimisión a pesar de que a sentenza non é firme e acusa ao BNG de solicitar a “execución inmediata” do fallo. Tamén denuncia presuntos intentos de compra de concelleiros do PAyJ e afirma que BNG e PP actuaron “collidos da man” antes das eleccións municipais.
Calvo reivindica as “grandes obras” dos seus mandatos e critica á Xunta por excluír Agolada, Rodeiro, Vila de Cruces e Silleda dos 4.000 millóns repartidos entre os concellos da provincia de Pontevedra. “Veñen novas promesas políticas con ganas de cambiar isto para sempre, que estamos nunha auténtica ditadura”, conclúe.