UCIN Galicia esixe un xiro urxente na TVG e o fin do control político sobre osmedios públicos

O ano 2025, no que a Televisión de Galicia (TVG) celebrou o seu 40 aniversario,
pecharase tamén como o do peor rexistro de audiencia da súa historia, cunha cota
media anual do 8,4%, o chan máis baixo acadado nunca polo canal público galego.


Aínda que a baixada respecto de 2024 foi mínima —apenas unhas décimas, tras o
desplome superior ao 20% do ano anterior—, o dato consolida unha crise profunda e
sostida de credibilidade. Todo isto prodúcese, ademais, nun contexto de lixeira
recuperación xeral das televisións autonómicas, o que deixa en evidencia que o
problema da TVG non é o mercado, senón o seu modelo.


Desde UCIN Galicia advertimos de que esta perda continuada de audiencia é
consecuencia directa de anos de manipulación informativa, control político e falta
de pluralismo, unha realidade denunciada reiteradamente polos propios traballadores
da CRTVG a través dos coñecidos “Venres Negros”, protestas que incluso deron lugar
a condenas xudiciais contra o ente público por vulnerar a liberdade de expresión.
Neste sentido, o coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, móstrase contundente:
«A caída da audiencia da TVG non é un problema técnico nin de audímetros; é a
proba de que a cidadanía galega deixou de confiar nun medio percibido como
manipulado e sometido ao control político», afirma Calo.


«Cando unha televisión pública deixa de informar con rigor e pluralidade para
converterse nun altofalante do poder, perde a súa razón de ser e, como estamos
vendo, perde tamén aos seus espectadores».


UCIN Galicia considera especialmente grave que, ante este novo récord negativo, a
dirección da TVG e o Partido Popular de Galicia optasen por poñer en dúbida os
sistemas de medición de audiencia, coincidindo coa recuperación de TVE, no canto de
asumir responsabilidades e afrontar unha reforma real do modelo de medios públicos.
«Cuestionar os audímetros é unha fuxida cara adiante. O problema non está en
como se mide a audiencia, senón en como se manipula a información», subliña José
Luis Calo.


«A TVG necesita independencia, non escusas».
Desde UCIN Galicia esiximos ao Goberno galego un xiro inmediato e profundo na
política audiovisual da comunidade, que garanta unha televisión pública profesional,
plural e ao servizo da cidadanía, e non dos intereses partidistas.


UCIN Galicia lembra, ademais, que esta crítica non se limita ao actual goberno. En
etapas anteriores, cando PSdeG e BNG tiveron responsabilidades de goberno, tamén se
produciron inxerencias políticas nos medios públicos.


«Ningún partido pode dar leccións. Todos utilizaron a televisión pública cando
gobernaron. Por iso é urxente un cambio estrutural que blinde a CRTVG fronte a
calquera partido, goberne quen goberne», sinala Calo.


UCIN Galicia considera que é o momento de cambiar as políticas na comunidade,
recuperar a confianza da cidadanía e poñer fin a décadas de control político sobre a
televisión pública galega.