
Oscar Insua, deputado do BNG no Parlamento galego: “Hai que ter pouca vergoña e moita cara para anunciar a bombo e platillo o que é un incumprimento en toda regra, no fondo, na forma e no tempo. Os cartos que gasta o PP en cada parafernalia de propaganda, podíanse aproveitar para centros de día ou para facer vivendas públicas na nosa comarca”
Costa da Morte, 7 de xaneiro de 2026. O BNG da Costa da Morte demanda ao PP “menos propaganda e máis investimentos” na comarca, logo de que este mércores 7 de xaneiro o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Infraestruturas, “e toda a recua de cargos do Partido Popular”, acudisen a Vimianzo para anunciar a Licitación do que a Xunta denomina 1ª Fase de prolongación da autovía da Costa da Morte (Treito entre Santa Irena-AC432), “sen ruborizarse e sen pedir a mínima desculpa”.
Os nacionalistas sinalaron que “despois de anos da nosa insistencia no parlamento galego para que se retomaran as obras de remate da autovía prometida no ano 2003 polo desastre do Prestige, por fin van aparecendo os froitos deste traballo político”. Mais subliñaron que “o que menos esperabamos desde o Bloque da Costa da Morte era que o PP, que goberna a Xunta desde hai 17 anos, tivera a pouca vergoña de vir a anunciar e facer propaganda dunha obra que non é a que prometeron, porque non vai ser unha prolongación da autovía, senón un corredor dun só carril por sentido, por moito que se empeñen en camuflalo co nome do proxecto, e que tiña que estar rematada hai moitos anos”.
Para o BNG “é inmoral que o Partido Popular malgaste ademais os cartos públicos nun acto de propaganda e de publicidade partidista para anunciar un mero trámite administrativo do procedemento, a licitación da obra”. A formación nacionalista considera que “o que se podía anunciar cunha nota de prensa, faise cun acto a todo bombo que lle custa cartos á Xunta; cartos que se podían aforrar e aproveitar para facer algún centro de día público na comarca, porque non temos, ou para facer vivenda pública, que tampouco a hai nin hai previsión de facela”.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, ve moi claro que “hai que ter pouca vergoña e moita cara para anunciar a bombo e pratiño o que é un incumprimento en toda regra, no fondo, na forma e no tempo. Despois de anos de espera e incumprimentos, un político sensato non viría a alardear e presumir dun engano, pero o PP está curado de espanto”.
O político corcubionés manifestou que “é un avance que custou moito conseguilo, mais seguiremos traballando duro nas institucións para ter unha autovía, non un corredor, e para que se tramite o resto de fases ata rematar a obra enteira”. Por último, pediulle á Xunta de Galiza que faga menos propaganda, que aforren os cartos e invistan máis na Costa da Morte, comezando por mellorar o transporte público ou eliminar a peaxe de Carballo a Coruña. “O PP non pode pedirlle ao goberno central a gratuidade da AP-9, e logo aquí coas súas autovías facer o contrario e seguir saqueando os petos dos veciños das zonas periféricas e que están en reto demográfico, como a nosa; unha mostra máis de que seremos os últimos, coma sempre, se é que rescatan algún día a concesión da AG-55”, insistiu Insua.
Declarións de Oscar Insúa en audio