
Unha muller duns 35 anos resultou ferida leve a última hora deste xoves tras ser atropelada por unha furgoneta cando cruzaba un paso de peóns na AC-445, no límite entre os concellos de Cee e Corcubión.
O suceso produciuse nun momento de choiva e nun tramo con pouca visibilidade, circunstancias que, segundo denunciaron algunhas voces, puideron influír no accidente. A afectada foi atendida no lugar polos servizos sanitarios e trasladada posteriormente ao hospital comarcal.
Ata o punto do atropelo desprazáronse efectivos do 061, Tráfico e Protección Civil de Corcubión. Cómpre lembrar que nesta mesma zona faleceu o pasado mes de outubro un home tras ser atropelado, un feito que volveu poñer o foco na perigosidade deste treito da vía.