O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros presenta a programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2026

O Auditorio acollerá unha completa programación de artes escénicas que combina teatro, comedia, monólogo, maxia, circo e propostas familiares, cun total de oito espectáculos entre os meses de xaneiro e abril.

👍 A programación arrinca o sábado 24 de xaneiro coa estrea de ‘Os dous de sempre’, de Producións Teatrais Excéntricas, e inclúe nomes destacados da escena galega como Carlos Blanco, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Iria Pinheiro ou compañías como Pistacatro, xunto a propostas de maxia, improvisación e circo para todos os públicos.

✍️ Dende a Concellería de Cultura, Caridad González sinala que “esta programación mostra a vontade do Concello de Muros de manter unha oferta cultural estable, diversa e de calidade, que combine grandes nomes das artes escénicas galegas con propostas innovadoras e espectáculos para o público familiar”.

A concelleira destaca ademais “a importancia de seguir consolidando o auditorio como un espazo de referencia cultural, con programación regular e accesible todo o ano”.

👏 As funcións celebraranse maioritariamente os sábados, con horarios adaptados segundo o público, e cun prezo das entradas que oscila entre os 3 e os 5 euros, mantendo unha aposta clara pola accesibilidade cultural.

❗ As entradas para o primeiro espectáculo, ‘Os dous de sempre’, de Producións Teatrais Excéntricas (Mofa e Befa), xa están á venda.

🎟️ Poden adquirirse preferentemente a través da billeteira electrónica do Concello de Muros, así como nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros ou no despacho de billetes do auditorio unha hora antes do comezo de cada espectáculo.