Un total de 194 alumnos de bacharelato despedíronse onte dos seus respectivos institutos. Houbo graduacións no Fernando Blanco, o Parga Pondal e o Alfredo Brañas.
No centro centro ceense foron 63 rapaces os que recibiron os seus diplomas. O acto foi presentado por Laila López e Aloia Vázquez. A directora, Sonia López Bujeiro, deu un discurso antes da entrega das bandas e os títulos e despois serviron uns pinchos para os alumnos, profesores e familias.

No carballés Parga Pondal presentaron Jimena Alvarellos e Xulia Arán, que tamén participou nas actuacións musicais acompañada polo profesor de música e Marcos, ao piano. Así mesmo participou Xurxo Souto, profesor de Latín e que é o titor de bacharelato de adultos. Dous dos seus alumnos estiveron no acto tamén. Outros que tamén falaron foron o director e o xefe de estudos, Anxo Carracedo.

Os últimos da tarde foron os 74 estudantes de segundo de bacharelato do Alfredo Brañas de Carballo. Os presentadores foron Neymar Arambula e Aldara López. Houbo ademais actuacións musicais de Beatriz Colina e Paula Fraga, que recibiron aos graduados xa con música. A directora, Mónica Mariño, ofreceu un discurso baseado nos súper heroes. Despois da entrega de bandas, diplomas e outros obsequios tiñan prevista unha cea en Vilar de Francos, onde coincidirían cos do Parga Pondal.
