
A Costa da Morte mantense en situación de vixilancia tras varios días consecutivos de mal tempo, marcados por chuvias intensas, fortes ventos e episodios de sarabia que provocaron numerosas incidencias na comarca.
Despois do paso da borrasca Joseph, que deixou refachos de vento de ata 144 quilómetros por hora en Vimianzo e preto de 126 en Malpica, as previsións meteorolóxicas apuntan a un novo empeoramento este mércores coa entrada dunha nova borrasca, Kristin, cuxos efectos se prolongarán, cando menos, ata o xoves.
As precipitacións acumuladas están a ser o principal factor de risco, con rexistros moi elevados en Santa Comba, onde se recolleron 177,6 litros por metro cadrado, así como en Zas (133,3) e Coristanco (89,7). Estas chuvias provocaron desbordamentos de ríos, acumulacións de auga en estradas, cortes viarios, anegamentos e varios accidentes de tráfico.
O aumento do caudal dos ríos obrigou a activar o plan Inungal contra inundacións. Rexistráronse desbordamentos do río Grande do Porto ao seu paso por Torelo e do Cambeda en Vimianzo, mentres que a Xunta mantén un seguimento especial do río Anllóns en Cabana, Ponteceso e Carballo, así como do Grande en Vimianzo. No caso de Carballo, o Anllóns desbordouse na zona de San Martiño, aínda que sen afectar ao núcleo urbano grazas ás obras de contención realizadas. Con todo, foi necesario pechar accesos como o do Bosque do Añón e varias zonas recreativas por anegamentos.
En Zas, a crecida do río Grande obrigou a pechar os accesos á praza Jorge Mira de Baio e anegou a contorna da ponte de Brandomil. O Concello informou de que as brigadas municipais traballan desde primeira hora para reparar os danos causados polo temporal.
Ante esta situación, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reiterou o chamamento á prudencia e a extremar as precaucións por parte da cidadanía, xa que os avisos meteorolóxicos da Aemet continuarán activos nos vindeiros días.