O abandono municipal e o declive de Negreira

O abandono ao que se ve sometida a piscina municipal por parte deste Goberno supón unha auténtica sangría de usuarios, que se ven obrigados a buscar outras instalacións.
Un abandono que ten un responsable claro na figura do alcalde, pola súa nula intención, vontade e empatía á hora de negociar.

Esta situación non é un feito illado, senón un exemplo máis das múltiples deficiencias que atravesa o Concello.

De pouco serve proxectar novas obras que se deixan para o último ano de lexislatura, cun atracón de cemento de última hora co único obxectivo de tentar xustificarse ante os veciños, mentres se arrastra unha débeda que rolda xa os 900.000 euros, segundo o propio recoñecemento municipal.

O suposto progreso dende que Negreira está gobernado por este equipo non é tal: trátase dun declive palpable. Abonda lembrar, como outro exemplo máis, a ruinosa Feira do Románico da pasada edición, non por falta de bo traballo do Técnico de Cultura, senón pola intervención dun “mandamais” que fai pleno honor a esa “cualidade”.