A Xunta publica hoxe a convocatoria para marzo e maio dos actos expropiatorios para o acondicionamento da AC-406 en Val do Dubra e A Baña

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiros meses de marzo e de maio, dos actos expropiatorios para levar a cabo o proxecto de acondicionamento da estrada autonómica AC-406, que comunica Santiago de Compostela e Santa Comba, ao paso polos concellos de Val do Dubra e da Baña.

O acto para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para o día 9 de marzo no salón de plenos do Concello de Val do Dubra: das 10.00 ás 13.00 horas. Os días 10 e 11 de marzo convócase aos veciños da Baña na Escola de Música Emilia Andújar (aula de cantaría): o día 10, das 10.00 ás 12.30 horas, e o día 11, das 10.00 ás 12.00 horas.

A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 18 de maio, no salón de plenos do Concello de Val do Dubra, das 10.00 ás 11.30 horas; e o día 19 de maio na Escola de Música Emilia Andújar (aula de cantaría), no concello da Baña, das 10.00 ás 12.30 horas.

A Xunta destinará a esta actuación de mellora da seguridade viaria máis de 4,3 M€, tendo como obxectivo mellorar o trazado do tramo de case 3,5 quilómetros de lonxitude, comprendido entre os puntos quilométricos 18+477 e 21+925 desta estrada autonómica, co fin de reforzar a seguridade viaria; e tamén de habilitar un carril adicional de máis de 1 quilómetro de lonxitude de adiantamento.

A través deste proxecto, a Xunta contempla ademais a rehabilitación do firme, así como a realización de actuacións de adecuación do sistema de drenaxe existente ao novo trazado deseñado.

Tamén se renovarán a sinalización o balizamento e as defensas e se acometerán as obras complementarias precisas.

Estas nova intervención da Xunta engadirase á 1ª fase de acondicionamento desta vía autonómica, xa executada no treito que vai de Portomouro a Santa Comba, entre o parque empresarial de Santa Comba e Abuín. As actuacións, cun investimento autonómico de máis de 3,2M€, centráronse na execución dun novo trazado alternativo para evitar o paso polo núcleo de Salgueiroas.