
O BNG esixiu ao Concello de Santa Comba a retirada inmediata dun vertedoiro de lixo acumulado nas inmediacións dunhas instalacións municipais en Santa Comba onde se imparten aulas de música e adestra o equipo local de taekwondo.
Segundo denunciou o portavoz nacionalista, Juan David Sixto, o depósito de residuos foi xerado polo propio goberno municipal e atópase nun espazo moi frecuentado por rapaces e rapazas e polas súas familias. O representante do BNG cualificou a situación como “un exemplo do desastre da xestión municipal, tanto dentro como fóra das instalacións”.
Esta denuncia súmase á realizada hai dúas semanas polo mesmo grupo, na que xa advertían do mal estado do interior da nave, con filtracións de auga que afectan incluso zonas próximas ás instalacións eléctricas. Segundo o BNG, a falta de mantemento obriga ao equipo de taekwondo a adestrar con tatamis mollados e en condicións inseguras.
Desde a formación nacionalista reclaman unha intervención urxente para limpar a zona, reparar as instalacións e garantir a seguridade das persoas usuarias, ao tempo que critican a falta de actuación municipal tras as denuncias públicas realizadas.




