
“Consideramos que un concello debe garantir primeiro o bo funcionamento dos servizos básicos antes de asumir novas infraestruturas cuxo mantemento futuro pode xerar dificultades”, afirma
Destacou que o alcalde tivo rectificar no pleno, aclarando cal era a cifra correcta dos orzamentos, despois de que o PSOE denunciase discrepacias coa documentación
En Coristanco, a 27 de febreiro de 2026.
O PSdeG-PSOE de Coristanco realizou unha valoración negativa dos orzamentos municipais aprobados onte no pleno, considerando que “non responden ás necesidades reais do municipio nin establecen unha planificación sólida para o futuro”.
Así foi como o expresou o voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda, en relación á abstención do Grupo Municipal Socialista na votación das contas. “ O aumento orzamentario non supón un cambio de modelo de xestión”, e en boa parte “depende do financiamento procedente doutras administracións, o que limita a autonomía municipal”, sinala.
Destacou así mesmo que o alcalde tivo rectificar no pleno, aclarando cal era a cifra correcta do total dos orzamentos, despois de que o PsdeG local denunciase que non cadraba a documentación aportada cos datos que el expuxo: “Outra prova da falla de planificación e diálogo na redacción das contas”.
O portavoz socialista observa “ un claro desequilibrio entre investimento e servizos públicos diarios”, xa que “case a metade do orzamento destínase a investimentos, mentres non se reforzan de maneira suficiente os servizos municipais que afectan directamente ao día a día dos veciños e veciñas”.
“Consideramos que un concello debe garantir primeiro o bo funcionamento dos servizos básicos antes de asumir novas infraestruturas cuxo mantemento futuro pode xerar dificultades económicas”, afirma o socialista.
Tamén bota en falta “unha planificación estratéxica global”. “Os investimentos previstos aparecen dispersos e sen unha visión a medio e longo prazo que permita avaliar o seu impacto real ou a súa sustentabilidade económica”, critica, facendo referencia a “grandes proxectos que non van acompañados de estudos públicos sobre o seu custo de mantemento futuro”.
“Se ben valoramos positivamente algúns incrementos en materia social, cremos que non existe unha estratexia integral para afrontar retos fundamentais como o envellecemento poboacional, a fixación de poboación ou o desenvolvemento económico local”, indica.
Pérez Abelenda lamentou así mesmo “a falta de diálogo e consenso previo cos grupos da oposición para elaborar unhas contas que deberían ser o principal proxecto colectivo do municipio”.
“Por todo isto, o grupo municipal Socialista considera que o Orzamento 2026 é tecnicamente equilibrado, pero politicamente insuficiente e afastado das prioridades reais do municipio”, engade o socialista. “O noso compromiso seguirá sendo traballar por uns orzamentos máis participativos, equilibrados e orientados a mellorar de forma real a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, conclúe.