Galicia necesita un Galeguismo socialdemócrata e de centro

Nos últimos tempos estamos vendo moitas análises centradas en cálculos electorais, en maiorías absolutas e en como se reorganiza a dereita ou a esquerda en Galicia. Mais creo que hai unha cuestión máis profunda que non sempre aparece no debate público: a falta durante anos dun espazo galeguista de centro e socialdemócrata con voz propia.

Galicia é unha sociedade plural, moderada e con forte conciencia de país. Hai moitas persoas que se senten galeguistas, que cren na defensa da nosa lingua, da nosa identidade e do autogoberno, pero que tamén apostan por políticas sociais, pola estabilidade institucional e por unha visión aberta e europeísta da política. Durante moito tempo, ese espazo político non tivo unha referencia clara.

Isto explica, en parte, por que unha parte dese galeguismo social acabou situándose dentro doutras formacións políticas, como o PPdeG, intentando desde aí defender determinadas sensibilidades galeguistas. Non sempre por coincidencia ideolóxica plena, senón pola ausencia dunha alternativa galega organizada nese ámbito político.

Pero tamén hai outro problema do que se fala pouco: as condicións nas que compiten os partidos pequenos fronte ás grandes estruturas políticas. A realidade é que hoxe xogamos en territorios moi distintos. As grandes formacións contan con recursos, presenza mediática e estruturas consolidadas que lles permiten chegar á cidadanía con moita máis facilidade. Mentres tanto, proxectos novos ou máis modestos teñen enormes dificultades para facerse visibles, para trasladar as súas propostas e, simplemente, para ser escoitados.

A iso súmase outro elemento clave do sistema electoral galego: a barreira do 5% para poder entrar no Parlamento. Nun contexto no que os medios, os recursos e a presenza pública non están repartidos de maneira equilibrada, esa barreira convértese nun obstáculo moi difícil de superar para quen intenta abrir espazo político novo. Non é só unha cuestión de votos; é tamén unha cuestión de oportunidades reais para chegar á sociedade.

Desde Espazo Común Galeguista cremos que Galicia necesita máis pluralidade política e máis igualdade de condicións no debate público. Porque a democracia fortalécese cando hai máis voces, máis propostas e máis proxectos que poden ser coñecidos e avaliados pola cidadanía.

O futuro político de Galicia non debería medirse só en quen gaña ou perde escanos, senón en se somos capaces de construír un sistema político máis aberto e conectado coa realidade do país. Un sistema no que tamén teñan opción real de participar e medrar aqueles proxectos que representan sensibilidades presentes na sociedade galega.

Cando falta un espazo galeguista amplo, moderado e social, ese espazo non desaparece. Simplemente queda sen representación propia. E ese é precisamente o reto que temos por diante: construílo e facelo chegar á sociedade galega, mesmo nun contexto que non sempre facilita ese camiño. Para Galicia. E desde Galicia.