Belén do Campo destaca o investimento de 30.000 € para a rehabilitación do Muíño de Sisalde grazas ás axudas da Xunta para espazos protexidos

Arteixo (A Coruña), 10 de marzo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente, Pilar Arias, visitou esta mañá o Concello para supervisar o resultado da actuación da rehabilitación do Muíño de Sisalde que se atopa na Rede de Reservas de Biosfera de Galicia, cunha achega da Xunta de 30.000 euros. Este Concello forma parte da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas xunto cos municipios de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza – Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

Esta actuación enmárcase nas actuacións subvencionables das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural, así como á sensibilización ecolóxica na Rede de Reservas de Biosfera de Galicia, que convoca a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Os traballos realizados consistiron no levantamento da cuberta existente e na súa posterior reposición con material idéntico ao orixinal, na rehabilitación das paredes de madeira e na súa impermeabilización, así como no tratamento integral da madeira. Ademais, procedeuse á reposición da porta de madeira de acceso ao muíño, garantindo tanto os materiais como a estética tradicional, e á substitución da xanela existente, mantendo igualmente a coherencia estética e construtiva. A intervención completouse coa limpeza da contorna e coa reposición do canal en pedra, respectando os elementos tradicionais da construción.

Posteriormente, instalouse un vidro de seguridade no eixo da pedra do muíño co obxectivo de evitar caídas e permitir ao mesmo tempo a observación da arquitectura tradicional. Finalmente, realizouse a limpeza integral da zona de actuación, a fixación dalgunhas pedras nos accesos e a instalación de dous bancos de pedra granítica sobre base consolidada.

A parcela na que se sitúa o muíño conta cunha superficie de 17.783 m², mentres que o edificio ocupa unha superficie de 22,08 m², cunha configuración rectangular.

Con esta intervención refórzase o compromiso do Concello coa posta en valor e conservación do patrimonio etnográfico, contribuíndo á súa protección e á súa integración na contorna natural.

Belén do Campo lembrou na visita que con esta orde a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas beneficiose aos concellos de Paderne, Bergondo, Carral, Arteixo, Oleiros, Miño e Oza-Cesuras por un importe total de máis de 165.000 euros, para actuacións de conservación e valorización do seu patrimonio natural e cultural de zonas rurais.

Nova orde 2026

Aproveitando a visita a delegada animou a concellos, entidades e particulares a solicitar as axudas da Xunta para a preservación e mellora do patrimonio natural e cultural nos espazos protexidos da Comunidade, que contan cun orzamento de 1.870.000 euros.

Belén do Campo lembrou que o prazo está aberto ata este mércores 11 de marzo e salientou que, co obxectivo de simplificar e facilitar a tramitación destas axudas, este ano unificáronse os apoios nunha única orde que inclúe actuacións en espazos dos seis parques naturais galegos, de reservas de biosfera e Rede Natura 2000. Neste senso, explicou que o fin último destas achegas é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna.

En concreto, entre as actuacións subvencionables están as accións de control e eliminación de especies exóticas invasoras, a redución e mitigación dos impactos sobre a fauna derivados das actividades humanas, a protección do solo, a realización de inventarios e estudos ou campañas de concienciación ambiental. 

Tamén poden recibir axudas actuacións de conservación e recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional -pallozas, hórreos, muros de pedra, colmeas, fontes, muíños, alvarizas, terrazas de pedra ou bancais-.

A orde de axudas tamén permite apoiar proxectos de creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos como a creación, restauración ou adecuación de rutas, sendas e camiños rurais ou de acceso a fincas, relacionadas coa posta en valor do uso público do espazo protexido. Ademais subvenciónanse proxectos de sinalización orientativa, informativa ou interpretativa do espazo protexido; a creación, restauración ou adecuación de miradoiros e áreas recreativas ou centros de interpretación, así como a creación ou mellora de aparcadoiros disuasorios.

Dúas liñas de axudas

Cómpre indicar que esta orde de axudas se divide en dúas liñas. Unha está destinada a financiar actuacións en reservas de biosfera de Galicia e ten como posibles beneficiarios administracións públicas e entidades asociativas que sexan órganos de xestión destes espazos naturais protexidos.

A outra liña de achegas financiará actuacións na Rede Natura ou nalgún dos seis parques naturais que hai en Galicia. Neste caso, os destinatarios son concellos e entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nestes espazos naturais protexidos;  asociacións ambientais sen ánimo de lucro; persoas físicas e empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos nos que se sitúe un parque natural constituídas con anterioridade á publicación das axudas. As actuacións subvencionables deberán desenvolverse nestes espazos protexidos ou en zonas limítrofes fóra deles, pero localizados en parroquias incluídas parcialmente neles.