
A Deputación da Coruña vén de facer entrega de dous novos vehículos destinados a reforzar a mobilidade e a atención ás persoas usuarias de entidades sociais das comarcas de Barbanza e Muros-Noia.
A primeira das entregas tivo lugar onte en Ribeira, no marco da visita institucional do presidente da Deputación ao municipio. Durante o acto, no que tamén participaron a deputada de Política Social, Mar García Vidal, e a alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, fíxose entrega dunha nova furgoneta á Fundación FAIBEN, entidade que desenvolve un importante labor de atención a nenos e nenas en situación de vulnerabilidade.
O vehículo permitirá mellorar o funcionamento da Casa de Familia FAIBEN de Ribeira, un recurso residencial que acolle menores que se atopan baixo garda ou tutela da Xunta de Galicia. A nova furgoneta facilitará os desprazamentos diarios para actividades escolares, terapias, citas médicas, reunións con profesionais e actividades culturais e deportivas, contribuíndo a garantir unha atención máis completa e personalizada aos nenos e nenas atendidos pola entidade.
Vehículo adaptado para ADISBISMUR
A segunda entrega realizouse hoxe en Muros, onde a deputada de Política Social, Mar García Vidal, acompañada da primeira tenente de alcaldesa e concelleira de Cultura, Turimso e Facenda, Caridad González Cerviño, fixo hoxe entrega dun novo vehículo adaptado á Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR).
Este novo recurso permitirá reforzar o servizo de transporte adaptado que a entidade presta ás persoas usuarias do Centro de Recursos de Valadares, que integra servizos de centro ocupacional e centro de día. Actualmente, o centro atende a máis de medio cento de persoas con discapacidade procedentes de varios concellos da comarca e desenvolve programas de apoio terapéutico, formación, rehabilitación e integración social.
O transporte adaptado resulta esencial para garantir o acceso das persoas usuarias ás actividades do centro e aos distintos servizos de atención, especialmente nun territorio con forte dispersión xeográfica. O novo vehículo contribuirá a mellorar as rutas existentes e a facilitar a incorporación de novas persoas usuarias procedentes de diferentes concellos da contorna.