Polémica polos ingresos do alcalde de Santa Comba: suma salarial superior a outros rexedores galegos

O alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, atópase no centro da polémica tras facerse público que continúa percibindo arredor de 16.000 euros anuais do Concello de Val do Dubra, malia exercer o seu cargo actual con dedicación exclusiva en Santa Comba, onde percibe un salario duns 52.000 euros ao ano.

A suma de ambas retribucións eleva os seus ingresos anuais ata os 68.000 euros, unha cifra que supera o salario doutros alcaldes galegos de municipios relevantes como Marín (65.296 €), Arteixo (65.048 €), Oleiros (63.239 €), A Estrada (59.767 €), Ames (59.520 €), Vilanova de Arousa (59.241 €) ou Boiro (58.079 €).

Esta situación xerou críticas, xa que o réxime de dedicación exclusiva na administración local implica, segundo a normativa vixente, a incompatibilidade con outras actividades económicas, salvo casos moi puntuais e de carácter marxinal. Porén, no caso de Romar, ademais desta percepción económica adicional, sinalase que mantén varias actividades económicas, o que incrementa as dúbidas sobre o cumprimento estrito da lei.

Diversas voces reclaman aclaracións sobre a legalidade destas percepcións e sobre se se está a respectar o principio de exclusividade que debe rexer o exercicio do cargo. Mentres tanto, o debate sobre a transparencia e a compatibilidade salarial no ámbito municipal volve situarse no foco da actualidade galega.