
Os nacionalistas sinalan que non se está a respectar o acordado polo pleno de organización de xuño de 2023 e pide á Valedora que requira á alcaldesa a respectar os dereitos dos concelleiros e concelleiras da Corporación
Cee, 4 de abril de 2026. O BNG de Cee vén de presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo polo incumprimento por parte da alcaldesa da periodicidade na convocatoria de plenos ordinarios, e pide que a institución presidida por María Dolores Fernández Galiño recomende á alcaldesa, Margarita Lamela, que convoque as sesións ordinarias conforme ao establecido no pleno de organización celebrado o 30 de xuño de 2023, así como que requira á rexedora a que respecte os dereitos dos integrantes da Corporación.
O portavoz municipal dos nacionalistas, Serxio Domínguez Louro, indicou que en dito pleno de organización quedou establecido que a celebración das sesións ordinarias sería o último venres de cada mes ás 20 horas, e se este coincide en festivo se celebraría o seguinte venres. “Porén, isto non se cumpre en numerosas ocasións, non se respecta a periodicidade de sesións ordinarias, e o funcionamento ordinario do Concello de Cee é totalmente contrario aos dereitos dos concelleiros e concelleiras, obstruíndo e dificultando as súas funcións de fiscalización e control”, subliñou o voceiro do BNG.
A formación nacionalista sinalou diferentes incumprimentos no que vai de mandato. En agosto de 2023 celebráronse dous plenos extraordinarios: un o luns 7, sen rogos nin mocións; e outro o luns 28, substituíndo o pleno ordinario, con rogos e sen mocións.
No ano 2024, non se celebraron plenos ordinarios nin en xaneiro nin en febreiro. Houbo un pleno o mércores 7 de febreiro no que non se puideron incluír mocións, o mesmo que sucedeu nunha sesión plenaria o día 1 de marzo. Nos meses de xullo e agosto non se convovaron plenos ordinarios, celebráronse dous extraordinarios (xoves 11 de xullo e luns 5 de agosto). E en decembro pasou o mesmo, ao celebrarse un pleno extraordinario o martes 17 no que tampouco houbo posibilidade de presentar mocións.
En canto ao 2025, en xaneiro e febreiro realizáronse sendos plenos extraordinarios, sen poder presentar mocións (no de febreiro tampouco houbo rogos). En abril convocouse outro extraordinario, novamente sen opción de introducir mocións. E en decembro non houbo pleno ordinario, tan só un extraordinario sen rogos nin mocións.
E no que vai do ano 2026, tivo lugar un pleno extraordinario o 14 de xaneiro, sen posibilidade de rogos nin preguntas. E o 5 de febreiro levouse a cabo outra sesión extraordinaria, con rogos pero sen mocións.
“A lexislación local establece que os plenos ordinarios deben celebrarse cando así fose acordado polo pleno de organización, e que en ningún caso un pleno extraordinario pode substituír a un ordinario, estando previsto os extraordinarios para as causas previstas na normativa vixente”, manifestou Serxio Domínguez.
O voceiro do BNG de Cee considera que ao non respectarse a periodicidade marcada “estase a vulnerar a participación pública dos concelleiros e concelleiras da oposición, xa que ao mudar os plenos de día sen ningún tipo de xustificación, complica a asistencia aos mesmos e dificulta a organización de presentar os asuntos coa antelación suficiente para poder ser tidos en conta, ao non saber cando se van celebrar as convocatorias; e así mesmo impide a presentación de mocións”.