
O Concello de Vimianzo vén de rematar as obras de mellora do viario da Costa, en Torelo, na parroquia de Salto, unha actuación encamiñada a reforzar a seguridade viaria e mellorar a comodidade da circulación nesta zona do municipio.
Os traballos permitiron renovar os viais existentes, gañar sobreancho en distintos puntos e executar a pavimentación completa con aglomerado en quente, o que supón unha mellora significativa no estado da infraestrutura e nas condicións de tránsito para a veciñanza.
Desde o goberno local destacan que esta intervención responde ao compromiso de seguir mellorando os accesos e comunicacións nos distintos núcleos rurais do concello, favorecendo unha mobilidade máis segura e eficiente.
O Concello quere tamén agradecer á veciñanza a súa paciencia e comprensión durante o desenvolvemento das obras, conscientes das molestias puntuais que este tipo de actuacións poden ocasionar.
Con esta actuación, o Concello de Vimianzo continúa avanzando na súa folla de ruta para mellorar os servizos e infraestruturas en cada parroquia e núcleo de poboación.




