Novos éxitos do deporte de Muros

O deporte muradán volve deixar grandes resultados esta fin de semana, con destacados éxitos tanto no atletismo como no remo.

No ámbito do atletismo, Juan Carlos Fernández, atleta Máster 50 da parroquia de Serres, proclamouse subcampión galego da súa categoría no Campionato Galego 5K Máster, disputado en Oroso. Un novo logro para o deportista muradán, que continúa demostrando un excelente estado de forma tempada tras tempada.

No remo tamén chegaron moi boas novas para os clubs do municipio. O equipo xuvenil feminino do Club Remo Muros acadou un segundo posto no campionato provincial disputado na Pobra do Caramiñal, logrando así a súa clasificación para o Campionato Galego. Tamén conseguiu o pase á cita autonómica o cadete masculino da entidade.

Pola súa parte, a Esteirana de Remo sumou tamén importantes resultados neste campionato provincial de bateis. O equipo alevín feminino proclamouse campión provincial, mentres que o xuvenil feminino rematou na terceira posición. Ambas tripulacións certificaron tamén a súa clasificación para o Campionato Galego.

O concelleiro de Deportes de Muros, Damián Torea, quixo felicitar publicamente ás e aos protagonistas destes éxitos:
“Parabéns a Juan Carlos, que segue en forma cada ano, e moita sorte no Campionato Galego aos equipos da Esteirana e o Club de Remo de Muros”, sinalou.

Con estes resultados, o deporte de Muros continúa demostrando o bo momento que atravesa, tanto a nivel individual como colectivo, e reafirma o traballo que se está a desenvolver desde os clubs deportivos do concello.