A Festa do Congro reuniu ambiente, música e sabor nunha xornada para o recordo

A Festa do Congro volveu deixar esta fin de semana unha xornada chea de ambiente, boa gastronomía e moita celebración, nun día que quedará na memoria de todas as persoas asistentes.

O bo tempo acompañou durante toda a celebración, permitindo desfrutar ao máximo dunha cita que, un ano máis, reuniu a veciñanza e visitantes arredor dunha das festas máis agardadas.

Desde a organización quixeron trasladar o seu agradecemento a todas as persoas que se achegaron para compartir esta xornada, así como a todas aquelas que fixeron posible o seu desenvolvemento co seu traballo, tanto dentro como fóra da cociña.

A música e a animación tamén tiveron un papel protagonista ao longo do día, da man de Xaramiños do Corpiño, as charangas Europa e Sorcha, así como dos grupos Leite con Jalletas e Choriso Criollo, que puxeron ritmo, alegría e festa a unha cita que volveu demostrar a súa forza e o seu carácter popular.

A Festa do Congro péchase así cun balance moi positivo, consolidándose como unha celebración de referencia e como un espazo de encontro, convivencia e posta en valor da tradición gastronómica e festiva.