
O Concello de Muros vén de rematar os traballos de poda e renovación da arborado nos centros de Educación Infantil e Primaria do municipio, unhas actuacións orientadas a reforzar a seguridade da comunidade escolar e mellorar o estado das zonas verdes.
Nos últimos días, as tarefas centráronse no CEIP Ricardo Tobío, onde se procedeu á tala de exemplares que presentaban mal estado, estaban secos, podres ou afectados por algunha enfermidade. En concreto, retiráronse tres exemplares de Populus nigra e seis piñeiros situados na contorna do antigo edificio de Educación Primaria.
Ademais, tamén se levaron a cabo labores de redución de altura e poda en diferentes árbores, entre elas exemplares de Populus alba, Populus nigra, Betula alba e Platanus hispanica.
A concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, destacou que se trata dunha “intervención de 11.000 euros coa que rematamos as actuacións previstas nos colexios de Muros”.
Pola súa banda, a alcaldesa, María Lago, lembrou que “todas as tarefas levadas a cabo contaron con respaldo técnico, e as árbores que se retiran, retíranse sempre por seguridade”.
Neste sentido, tamén subliñou que “nas zonas nas que hai que retirar algunha árbore, queda ademais arborado de substitución para que a comunidade escolar poida seguir disfrutando de espazos naturais, dando prioridade a árbores autóctonas e froiteiras”.
Estas actuacións responden ás demandas trasladadas pola comunidade educativa de Muros e enmárcanse na prioridade do goberno local de garantir a seguridade das nenas e nenos nos centros educativos. En todos os casos, realizouse previamente unha avaliación técnica do estado das árbores.



