Heroísmo dos surfistas no rescate en Area Maior

Os surfistas da One Surf Academy, encargados da Escola de Surf de Malpica, protagonizaron onte unha acción heroica ao rescatar un pai e á súa filla que estaban sendo arrastrados polas correntes na praia de Area Maior.

O suceso produciuse arredor das 18:00 horas, cando ambos se atopaban xogando na auga cunha prancha de corcho. Sen decatarse, achegáronse a unha zona perigosa próxima a O Caldeirón, coñecida por aparentar calma na superficie pero esconder fortes correntes por debaixo, que non tardaron en levalos mar adentro.

A rápida reacción do director da escola e de tres monitores máis, que se atopaban nos vestiarios tras rematar as clases, foi clave. Activaron de inmediato un dispositivo de rescate e avisaron a Salvamento por se fose necesaria a súa intervención.

Equipados coas súas táboas, lograron chegar ata os bañistas, que xa estaban a uns 70 metros da beira, e foron achegándoos pouco a pouco ata terra firme, onde chegaron exhaustos.

Grazas á súa valentía e profesionalidade, dúas vidas máis foron salvadas.