Malpica impulsa un proxecto pioneiro para manter limpas as praias

A Concellería de Medio Ambiente de Malpica dirixida por Rodrigo Mato, xunto coas entidades Surf and Clean, Aprende Através do Surfing e One Surf Academy, puxo en marcha unha iniciativa moi especial para coidar o litoral. O proxecto conta tamén coa colaboración de ASPABER e co traballo das redeiras de Malpica.

Un dos puntos máis destacados desta acción é a instalación de caixóns de madeira nas praias, destinados á recollida de residuos mariños. Desde a organización quixeron agradecer especialmente a ASPABER polo seu labor na elaboración destes caixóns, fundamentais para facer realidade a iniciativa.

O primeiro destes caixóns instalouse na praia de Seaia, e o proxecto xa fora presentado no Malpica Surf Fest o pasado mes de outubro. Agora, a iniciativa amplíase coa colocación de novos caixóns en Beo, As Torradas e Rías.

O obxectivo é que veciños e visitantes poidan depositar neles os plásticos e outros residuos que o mar arrastra ata a area durante os seus paseos pola praia, contribuíndo así á limpeza do litoral.

Desde a organización lembran que estes caixóns están destinados exclusivamente ao lixo mariño e non aos residuos xerados durante unha xornada de praia.

A idea orixinal parte de Clean Ocean Project, e con esta acción Malpica convértese nun concello pioneiro na implantación deste sistema de recollida na zona.