
Madrid, 18 de abril de 2026 — O coordinador de Unión de Ciudadanos Independientes en Galicia, José Luis Calo, expresou o seu apoio aos membros da formación desprazados a Madrid para participar na multitudinaria mobilización protagonizada por axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Calo destacou tamén o respaldo da organización aos colectivos convocantes —JUCIL, JUSAPOL e JUPOL—, subliñando que as súas reivindicacións “responden a demandas históricas que non poden seguir sendo ignoradas”.
“O traballo da Policía Nacional e da Garda Civil é esencial para a seguridade e a estabilidade do país. A equiparación salarial real, xunto con melloras nas súas condicións laborais, non é un privilexio, senón unha cuestión de xustiza e dignidade profesional”, afirmou.
Dende UCIN Galicia valorouse especialmente a participación activa de afiliados e representantes do partido na protesta, unha xornada que reuniu a milleiros de axentes en defensa de dereitos como unha xubilación digna, o recoñecemento da profesión de risco e o reforzo de medios humanos e materiais.
“O compromiso dos nosos compañeiros nesta mobilización demostra que UCIN está ao carón de quen garante a seguridade de toda a cidadanía. Seguiremos apoiando estas reivindicacións en todos os ámbitos institucionais e sociais”, concluíu Calo.



