
O cadete “A” do Bergantiños FC xa é campión de Liga e novo equipo de División de Honra tras vencer por 0-2 ao Ural Español CF no campo de Elviña Gande, na Coruña.
O conxunto carballés, dirixido por Roberto Piñeiro, certificou o título e o ascenso cun partido moi serio que resolveu na segunda metade grazas ao acerto de Aarón Eirís. O dianteiro abriu o marcador no minuto 53 e sentenciou no 80, converténdose no gran protagonista do encontro.
Con esta vitoria, o Bergantiños cadete A proclámase campión a falta de tres xornadas para o final da competición, culminando unha tempada espectacular. Os números falan por si sós: 24 vitorias en 27 partidos, 82 goles a favor e só 24 en contra.
Un éxito que reflicte o gran traballo realizado polo corpo técnico e o compromiso dunha plantilla que amosou regularidade, ambición e un alto nivel competitivo durante toda a campaña.
Carballo celebra así o logro dunha xeración que xa fai historia no fútbol base e que competirá a próxima tempada na máxima categoría cadete.