
Alternativa Enxebre denuncia a situación existente na Travesía de Arteixo, onde unha caseta tipo contedor utilizada como oficina inmobiliaria permanece instalada ocupando unha zona de beirarrúa que, segundo a documentación municipal consultada, ten a condición de dominio público.
Arteixo, 20 de abril de 2026.
Segundo explica a concelleira Noelia Martínez Canosa, o acceso á documentación do expediente urbanístico correspondente á actuación na parcela permitiu comprobar que parte dos terreos foron cedidos ao Concello para o seu destino como viario público, o que acredita a natureza pública do espazo actualmente ocupado pola caseta.
⠀
“A documentación é clara: estamos ante solo público destinado a viario. Non estamos ante unha interpretación, senón ante un feito que consta no propio expediente municipal”, sinala Martínez Canosa.
⠀
A pesar diso, a caseta continúa instalada neste espazo sen que conste a existencia de título habilítante que ampare a súa ocupación, nin tampouco licenza ou autorización administrativa para o exercicio da actividade que nela se desenvolve.
⠀
Neste sentido, desde Alternativa Enxebre considérase que esta situación supón unha ocupación indebida de dominio público e o desenvolvemento dunha actividade carente de cobertura legal, o que obriga ao Concello a actuar de maneira inmediata no exercicio das súas competencias.
⠀
“Se o solo é público, o Concello non pode mirar para outro lado. Ten a obriga de actuar e de garantir o cumprimento da legalidade”, afirma a concelleira.
⠀
A formación lembra que xa se realizaron diversas actuacións institucionais, incluíndo solicitudes de acceso á información, un escrito de advertencia e a presentación dunha moción ao Pleno da Corporación, aprobada por unanimidade o pasado 26 de marzo de 2026, sen que ata o momento se teña producido unha actuación efectiva por parte do goberno municipal.
⠀
Ante esta situación, Alternativa Enxebre esixe ao Concello de Arteixo que adopte de maneira inmediata as medidas necesarias para:
⠀
– Requirir ao promotor e titular da instalación a retirada da caseta.
– Restituír o uso público do espazo ocupado.
– Garantir o cumprimento da legalidade urbanística e administrativa.
⠀
Ademais, advirte de que, no caso de non producirse unha actuación inmediata, exerceranse as accións legais que correspondan, incluídas as de carácter penal, para garantir o cumprimento da legalidade e a depuración de responsabilidades.
⠀
“Non se pode permitir que o dominio público sexa ocupado sen control nin autorización. O cumprimento da lei non é opcional, e quen non actúe asumirá as consecuencias”, conclúe Martínez Canosa.
⠀
Desde Alternativa Enxebre subliñan que o respecto á legalidade, á integridade do dominio público e á transparencia na xestión municipal deben ser principios irrenunciables nunha administración pública.