
Mazaricos, 1 de maio de 2026 — O grupo municipal de Espazo Común Mazaricos, encabezado polo seu portavoz Javier González, convoca á cidadanía e aos medios de comunicación a unha comparecencia pública o vindeiro luns, 4 de maio, ás 12:00 horas, diante do Centro de Saúde de Mazaricos. O acto coincidirá cunha concentración veciñal organizada para denunciar a deterioración dos servizos sanitarios no municipio.
Durante a convocatoria, os representantes municipais exporán a súa preocupación pola situación da atención primaria, que cualifican de “insostible”. Entre as principais denuncias destacan o peche continuado do centro de saúde durante os sábados, o que obriga aos veciños e veciñas a desprazarse ata Santa Comba incluso para urxencias básicas.
Así mesmo, critican a redución do persoal médico, que pasou de catro a tres facultativos, chegando a producirse xornadas nas que un único profesional debe atender a toda a poboación do concello.
Desde Espazo Común tamén sinalan a “inacción política” do Goberno local e do Partido Popular de Mazaricos, aos que acusan de non cumprir os acordos de unidade acadados recentemente para defender os servizos básicos ante a Xunta de Galicia.
Ao remate da concentración, atenderase aos medios de comunicación para detallar as próximas accións que se levarán a cabo e para esixir unha resposta inmediata por parte do SERGAS. O colectivo denuncia o que considera un “abandono deliberado do rural” e reclama solucións urxentes que garantan unha atención sanitaria digna para toda a veciñanza.