
A Asociación de Veciños San Xoán de Grixoa fixo pública a súa preocupación polo estado no que se atopa o Ximnasio Municipal de Santa Comba e pola falta de mantemento do equipamento deportivo, unha situación que consideran “insostible” para un servizo polo que as persoas usuarias pagan unha cota mensual de 20 euros.
Segundo explica a entidade veciñal, gran parte do material está actualmente avariado ou inutilizable. En concreto, aseguran que as bicicletas elípticas están rotas, que as máquinas de spinning presentan un estado moi deteriorado e que das catro cintas de correr existentes só funciona unha, e de maneira parcial. A isto súmanse filtracións de auga no interior da instalación cando chove, o que obriga a colocar caldeiros para recoller as pingueiras.
Desde a Asociación sinalan que esta situación está a provocar un aumento das queixas e mesmo baixas entre as persoas usuarias. “Non é razoable cobrar unha cota íntegra por un servizo que non se pode utilizar con normalidade”, indican.
A entidade diríxese publicamente ao alcalde de Santa Comba, David Romar, e á concelleira responsable da área de Deportes para pedir explicacións sobre a falta de mantemento das instalacións. Preguntan se existe ou non dotación orzamentaria para a reparación do equipamento e por que non se está a priorizar a conservación dun servizo público que utilizan de maneira habitual numerosos veciños e veciñas do municipio.
A Asociación tamén denuncia un desequilibrio no investimento deportivo municipal, ao considerar que se destinan máis recursos ao fútbol mentres outras disciplinas e servizos, como o ximnasio municipal, funcionan en condicións claramente deficientes.
Por outra banda, aseguran ter recibido queixas relativas ao trato que estarían a recibir diferentes traballadores e traballadoras vinculados ao servizo de deportes, como monitores ou persoal de limpeza. Neste sentido, preguntan se existe algún tipo de supervisión política sobre estas situacións e se se están a adoptar medidas cando se producen condutas inadecuadas.
A Asociación de Veciños San Xoán de Grixoa solicita ao goberno municipal:
– Transparencia sobre a situación económica real do Concello.
– Un plan inmediato de reparación e mantemento do Ximnasio Municipal.
– Garantías dun trato digno ao persoal.
– Unha redistribución das prioridades de investimento nos servizos deportivos.
“Os veciños estamos pagando máis impostos e recibindo peores servizos. Só pedimos instalacións públicas en condicións dignas”, conclúe a entidade.









