
Santos Canosa afirma que teñen exceso de xornada “non pagada”, que se vulneran os seus dereitos sindicais e exixe sancións inmediatas para rematar con esta situación
A CIG vén de presentar denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) contra Eulen e Paradores Costa da Morte, polas graves vulneracións dos dereitos laborais das 15 traballadoras do Parador de Muxía, desde exceso de xornada non compensada ou falta de planificación laboral, até obstrución aos dereitos sindicais.
Segundo explica o secretario da Unión Local de Cee, Xabier Santos Canosa “as traballadoras, maioritariamente mulleres, están sometidas a prácticas laborais inaceptables”. As 15 empregadas de Eulen, 4 en limpeza e 11 como camareiras de piso, operan baixo contratos fixos-discontinuos con xornada parcial de cinco horas diarias, reguladas por convenios provinciais de limpeza de edificios e locais e de hostalaría. Porén, a súa realidade laboral “dista moito do marco legal”.
Nese sentido, Santos explica que desde hai meses, a CIG solicitou un espazo no centro de traballo para realizar asembleas e un taboleiro de anuncios. Solicitude á que recibiron una negativa por resposta.
A primeira petición fíxose verbalmente, e o 10 de xuño reforzouse por escrito mediante correos electrónicos. O secretario da Unión Local denuncia que “Eulen remítese ao Parador, dicindo que, como concesionaria, non ten dispoñibilidade de locais, e o Parador di que é competencia de Eulen”. Unha situación diante da que Santos denuncia que “entre uns e outros, impiden que as traballadoras se reúnan”.