A compatibilidade de usos centrará a primeira edición do Foro Razo Baldaio, que reunirá o sábado 6 a políticos e técnicos no centro social de Lema

O programa Eu quero Razo-Baldaio despide a súa sétima edición cunha chamada á cidadanía para reflexionar sobre a compatibilidade de usos nas praias. Este sábado 6 de setembro, a partir das 10.30 horas, celebrarase no centro social de Lema a primeira edición do Foro Razo Baldaio, no que participarán representantes políticos, técnicos e os veciños e veciñas que poñer o seu gran de area no obxectivo compartido de garantir o futuro do noso litoral.

O mantemento da flora e a fauna, a loita contra as especies invasoras, o plan de conservación da píllara das dunas, o marisqueo, o desfrute do areal, a planificación urbanística ou a colaboración entre institucións e entidades centrarán unha mañá de exposicións, debate e networking.

Nesta primeira edición do Foro Razo Baldaio buscaremos referentes como o Concello do Grove, que foi pioneiro na eliminación de maquinaria para apostar pola limpeza manual das praias. A concelleira de Medio Ambiente do Grove, Ángeles Domínguez, exporá a súa experiencia.

A píllara das dunas e outras especies que habitan nos nosos areais tamén formarán parte do foro grazas á participación de María Vidal, investigadora da USC e gran experta na materia, e Luis Amor, axente medioambiental da Xunta de Galicia, que xoga un papel fundamental no obxectivo de garantir a conservación da especie.

Por parte do Concello de Carballo participará o concelleiro de Medio Ambiente, Servizos e Protección Civil, Miguel Vales, que pechará a xornada falando das políticas ambientais que estamos a implantar no litoral.

O I Foro Razo Baldaio concluirá cunha quenda de intervencións por parte do público e unha xornada de networking. A participación é libre e de balde, aínda que por cuestións organizativas agradécese a confirmación de asistencia en medioambiente@sihaho.com.