A Conselleira de medio ambiente visita Ponteceso

Esta mañá o Concello de Ponteceso recibiu a visita da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, e a todo o seu equipo.

Desde o Concello de Ponteceso queren agradecer a súa visita á senda paralela ao río Anllóns.

O obxectivo é seguir traballando para gañar máis metros de camiño

A Xunta executou unha vintena de obras de mellora e acondicionamento de espazos naturais en 2025 cun investimento de case 800.000 euros

A Xunta de Galicia acometeu o ano pasado unha vintena de obras de adecuación do uso público e actuacións de conservación en espazos naturais protexidos das catro provincias cun investimento global de preto de 800.000 euros (en concreto, 786.145,18 euros).

Así o anunciou en Ponteceso a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que acompañada da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e do rexedor, José Manuel Mato, visitou esta mañá a senda fluvial na desembocadura do río Anllóns que, precisamente, foi unhas das 20 obras executadas o ano pasado no conxunto da Comunidade.

Tal e como explicou a responsable autonómica, trátanse, en xeral, de pequenas actuacións como melloras de sendas, áreas de esparexemento, accesos, pontes, sinalización e posta en valor de ecosistemas que axudan á conservación destes espazos e ao seu desfrute por parte da cidadanía.

En total, executáronse nove actuacións na provincia de Ourense, catro na de Pontevedra, tres en Lugo e catro na Coruña: dúas nas Fragas do Eume, outra no Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e outra en Ponteceso.

En concreto, Ángeles Vázquez explicou que os traballos acometidos neste municipio se centraron nun treito de case medio quilómetro dun sendeiro peonil de 1 km de lonxitude en total e que discorre paralelo ao río Anllóns. Cun orzamento de 50.353,70 euros, a actuación xa está rematada e consistiu na adecuación do itinerario existente mediante a súa pavimentación con xabre estabilizado con cemento e no acondicionado na contorna con céspede e o plantado de árbores, o que facilitará o seu percorrido para a veciñanza.

Por último, Ángeles Vázquez salientou que todas estas actuacións —cofinanciadas co Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027— teñen como obxectivo común a posta en valor dalgúns dos espazos protexidos máis significativos das catro provincias a través da ordenación dos seus usos e da preservación da súa biodiversidade.