A Cova do Raposo en Vimianzo segue a ser obxecto dun expolio anómalo

A alvariza da Cova do Raposo, un tesouro etnográfico en ruínas polo abandono e o expolio

A alvariza da Cova do Raposo, situada no Monte Faro, en Ogás (Vimianzo), é un dos espazos etnográficos máis singulares recollidos por Carme Toba no seu libro A Cultura do mel na Costa da Morte. A escasos metros da desaparecida Pedra Furada, esta construción tradicional de pedra servía como mostra viva da antiga cultura apícola da zona.

Porén, o que outrora foi un tesouro patrimonial é hoxe unha ruína. A etnógrafa muxiá visitou recentemente o lugar para comprobar o seu estado e asegura saír “escandalizada” polo abandono e o espolio que sofre a alvariza. Numerosas lousas foron roubadas, deteriorando gravemente a estrutura e borrando parte da memoria material da comarca.

Veciños da zona aseguran que o deterioro non é recente, senón que leva anos producíndose ante a falta de reacción tanto da propiedade como das administracións. “É unha mágoa inmensa ver como se perde un elemento tan valioso da nosa historia e identidade”, lamenta Toba, que leva anos documentando o patrimonio ligado á produción tradicional de mel na Costa da Morte.