
A Deputación da Coruña concedeu unha subvención de 12.000 euros á Confraría de Pescadores de Malpica para desenvolver o proxecto “Cerco Sostible 4.0”, unha iniciativa destinada á modernización tecnolóxica e á mellora da seguridade nas instalacións da lonxa malpicá.
A achega económica, publicada recentemente no Boletín Oficial da Provincia, permitirá a adquisición dunha carretilla elevadora eléctrica e dunha transpaleta manual inoxidable, dous equipamentos pensados para optimizar os procesos diarios de descarga, almacenamento, traslado e expedición do peixe e do marisco.
Con esta actuación, búscase reforzar o papel estratéxico da lonxa de Malpica dentro do sector pesqueiro da Costa da Morte, especialmente no ámbito do cerco, aínda que tamén beneficiará outras actividades como a extracción de ourizo, percebe ou polbo.
A nova carretilla elevadora eléctrica contribuirá a reducir emisións contaminantes e custos de combustible, ademais de mellorar a calidade do aire nas instalacións e aumentar a seguridade no manexo de cargas pesadas. Pola súa banda, a transpaleta inoxidable destaca pola súa resistencia á corrosión e pola súa adaptación ás condicións dun ambiente mariño, garantindo unha maior durabilidade e mellores condicións hixiénicas.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, destacou a importancia deste tipo de investimentos para mellorar as condicións laborais do sector pesqueiro, reducir riscos no traballo diario e incrementar a competitividade das lonxas galegas.
Desde a Confraría de Pescadores de Malpica sinalan que esta modernización chega nun momento clave para a recuperación da actividade do cerco, permitindo evitar atrasos nos períodos de maior volume de capturas e asegurando que o produto chegue ao mercado en óptimas condicións de frescura e calidade.