A Escola Oficial de Idiomas de Carballo segue apostando pola formación integral do alumnado a través do proxecto «Deporte é saúde»

A Escola Oficial de Idiomas de Carballo segue apostando pola formación integral do alumnado a través do proxecto «Deporte é saúde», unha iniciativa que conta co apoio da Consellería de Educación a través do Plan Proxecta e coa que se pretende, fundamentalmente, fomentar hábitos de vida saudables, a vida activa e a práctica deportiva entre os/as participantes.

En novembro arrincará a segunda edición do programa. Despois das experiencias do curso pasado nas modalidades de sendeirismo (na imaxe), tiro con arco e vela, este curso o alumnado practicará aquagym na piscina municipal Vila de Noia, equitación no centro hípico Dressage Horses en Queo (Bértoa) e esgrima na Coruña.

O Plan Proxecta ten como finalidade o fomento da innovación educativa, que neste caso se manifesta a través da introdución do deporte no ámbito académico dunha escola de idiomas, algo moi pouco frecuente, e da promoción de deportes minoritarios.

Podes facer un seguimento do programa a través das redes sociais da EOI Carballo.