
A parroquia de San Lourenzo contará oficialmente coa denominación Verdillo, tras a aprobación do novo Nomenclátor de Galicia por parte do Consello da Xunta de Galicia.
Esta actualización recolle o cambio de grafía desde Berdillo a Verdillo, en consonancia co informe elaborado polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, a petición do Concello de Carballo e por iniciativa do Consello Parroquial, no que se acredita que esta última é a forma correcta desde o punto de vista histórico, lingüístico e documental.
O Concello valora moi positivamente a inclusión desta modificación no novo nomenclátor oficial, xa que supón o recoñecemento institucional dun traballo rigoroso desenvolvido por especialistas e compartido coa veciñanza, así como un paso importante na recuperación e normalización da toponimia tradicional galega.
Cómpre lembrar que esta cuestión foi abordada nas I Xornadas de microtoponimia organizadas pola Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, nas que se deu a coñecer en profundidade o estudo que fundamenta este cambio. Xa no 2022 se presentara no consello parroquial o informe do Seminario de Onómástica da Real Academia Galega no que se concluía que debería ser Verdillo e non Berdillo, e no ano 2024 achegouse ata a parroquia o seu autor, o historiador Xosé María Lema Suárez, para explicar, dun xeito moi didáctico, como e por que se chegou a esa conclusión.
Coa entrada en vigor do novo Nomenclátor de Galicia, a denominación Verdillo será a forma oficial que deberá empregarse en todos os ámbitos administrativos, cartográficos e institucionais.
O Concello continuará a traballar na defensa e posta en valor do patrimonio toponímico local, como parte esencial da identidade cultural do municipio.