A piques de rematar as obras de asfaltado do camiño de Borreiros, en Xaviña

As obras de mellora e asfaltado do camiño de Borreiros, na parroquia de Xaviña, están xa na súa recta final. O proxecto conta cun investimento total de 65.000 euros, cofinanciados entre o Concello e a Xunta de Galicia a través do programa de axudas de AGADER.

A actuación permitiu intervir de maneira integral nesta vía, co obxectivo de mellorar a seguridade e a comodidade da circulación para a veciñanza. Entre os traballos executados inclúense a ampliación do ancho da estrada en determinados tramos, así como a construción dun novo sistema de drenaxe, fundamental para garantir unha mellor evacuación das augas pluviais e preservar o estado do firme.

Na fase actual, os operarios están centrados na renovación do pavimento, unha actuación coa que se completará a posta a punto deste camiño.

Desde o Concello destacan que esta intervención responde ao compromiso de seguir mellorando as infraestruturas viarias no rural, facilitando os desprazamentos diarios da veciñanza e reforzando a seguridade nas comunicacións locais.