
A praia de San Amaro acollerá este domingo, 31 de agosto, a celebración da LXXXIV edición da Travesía a Nado á Enseada de San Amaro, unha das probas máis emblemáticas do calendario deportivo coruñés, organizada polo Club do Mar de San Amaro coa colaboración do Concello da Coruña.
A Travesía, que se desenvolverá en augas abertas na contorna da enseada, ofrece un percorrido en forma de triángulo e está aberta a nadadores de diferentes idades, promovendo tanto a participación popular como a práctica deportiva en contornas naturais.
O Concello da Coruña colabora coa organización do evento, xunto cos equipos de Protección Civil, Cruz Vermella e a FESSGA, que reforzarán a seguridade da proba con medios acuáticos e asistencia técnica.
Esta proba consolídase como un referente no calendario estival da cidade, tanto pola súa tradición -con 84 edicións celebradas- como polo seu valor na promoción do deporte ao aire libre e o vínculo coa contorna costeira de barrios como Monte Alto ou Durmideiras.
O Goberno de Inés Rey reafirma así o seu compromiso e apoio de eventos deportivos emblemáticos que fomentan a vida activa, o respecto polo medio e a convivencia cidadá.