A Xunta achega 48.000 euros para mellorar a conexión viaria entre Tarríos e Novelúa, no concello de Monterroso

A Consellería do Medio Rural destinou un total de 48.100 euros a mellorar a vía que comunica Tarríos e Novelúa, no municipio de Monterroso. O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou a zona para comprobar o resultado destes traballos, que se enmarcan no Plan de Infraestruturas Rurais 2025, enfocado a mellorar a accesibilidade nos concellos galegos.

Arias destacou que a intervención facilitará un tránsito máis cómodo e seguro para os usuarios desta vía de conexión entre varios núcleos de poboación.

A actuación centrouse na renovación do firme nunha lonxitude aproximada de 1,1 quilómetros de camiño, así como na mellora da drenaxe. Tamén se reforzou a sinalización vertical e horizontal, co fin de garantir unha maior seguridade na circulación.

A Consellería do Medio Rural destina este ano 1,8 millóns de euros a acondicionar infraestruturas viarias en 25 concellos da provincia de Lugo a través do programa PIR. Todas as actuacións van dirixidas a desenvolver infraestruturas para favorecer a mobilidade e mellorar a calidade de vida nas zonas rurais.