A Xunta amplía hoxe a alerta laranxa por temporal costeiro a todo o litoral galego

A Xunta amplía hoxe a alerta laranxa por temporal costeiro a todo o litoral galego. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a  Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso activo no litoral da Coruña prolóngase hoxe e estenderase a primeiras horas da tarde ao resto da costa galega. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata seis metros.

Debido á alerta laranxa, a Secretaría  Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade, nos concellos afectados segundo as previsións dos órganos preditores, e que se poden consultar na web Deporte Galego.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Suspéndese a actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade, nos concellos afectados

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación, entre outros, aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos