A Xunta apoia as melloras no local social da Asociación veciñal San Cristóbal de Nemiña en Muxía

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a asociación veciñal San Cristóbal de Nemiña, en Muxía, para comprobar as melloras realizadas no seu local social, Escola de Nemiña, co apoio do Goberno galego a través do Plan específico de acción comunitaria deste ano, dotado con 4 millóns de euros e dirixido a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas.

Mediante esta liña de apoio, a Xunta destinou 12.000 euros para a rehabilitación das instalacións. Os traballos consistiron no acondicionamento do tellado, pintado de fachadas e interiores e substitución das ventás por outras máis eficientes. A maiores, instalouse unha rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida co obxectivo de facilitar a accesibilidade.    

A orde de subvencións do Plan específico de acción comunitaria incrementou este ano o orzamento a catro millóns de euros -un millón máis que en 2024- para dar resposta ao volume de solicitudes en convocatorias previas. De feito, resultaron beneficiarias 454 actuacións, fronte ás 341 do ano pasado. No caso da provincia da Coruña houbo 60 entidades beneficiarias que recibiron unha achega global de 549.500 euros para impulsar 72 proxectos.

Segundo sinalou Natalia Prieto, estas achegas, dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas, enmárcanse no compromiso do Goberno galego co asociacionismo, polo importante traballo  que desempeñan na dinamización da vida local e na mellora da calidade de vida da cidadanía. Por iso, nos orzamentos da Xunta para 2026 se consolida o apoio de catro millóns de euros desta convocatoria para seguir dando resposta ás demandas destes colectivos.

A través destas subvencións, a Xunta colabora nos gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en obras en inmobles da titularidade das entidades solicitantes ou sobre os que teña dereito de uso, no caso das asociacións de veciños e de mulleres rurais, así como os equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.