
A Xunta construirá unha nova senda peonil de 1,5 quilómetros na estrada AC-552, ao paso por Nantón, en Cabana de Bergantiños, que suporá un investimento de máis de 420.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presentou hoxe esta actuación, que conta con financiamento de fondos europeos FEDER.
Allegue explicou que tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da aprobación definitiva do proxecto de construción desta senda, axilizaranse os trámites para licitar as obras no vindeiro mes de abril. Indicou que esta intervención ten un prazo de seis meses, polo que será unha realidade no ano 2027.
Sinalou que esta actuación dá resposta ás necesidades en materia de seguridade e mobilidade sostible da veciñanza desta contorna. Concretou que ao longo deste tramo hai moitos equipamentos e servizos, polo que a senda favorecerá os desprazamentos seguros e cómodos dos veciños. Detallou que a través desta senda se poderá acudir ao centro de saúde, á parada de autobús, á farmacia, ou ao campo de fútbol.
Fixo fincapé en que este itinerario permitirá facilitar tamén os desprazamentos seguros dos usuarios da Asociación Íntegro, dedicada a persoas con diversidade funcional, aos distintos servizos nesta contorna.
Ademais da construción da propia senda, levaranse a cabo outras actuacións relativas á canalización de pluviais ou á instalación de telecomunicacións; e renovarase a sinalización.
Cómpre lembrar que esta intervención se enmarca no Plan de Sendas de Galicia da Xunta, cuxa 2ª fase está en pleno desenvolvemento para acometer 120 quilómetros de itinerarios nas marxes das estradas autonómicas. Estes percorridos sumaranse aos máis de 300 quilómetros xa executados nunha 1ª fase no conxunto da comunidade.