A Xunta dá luz verde ambiental con condicións ao novo parque empresarial de Cabana de Bergantiños

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (Peose) do novo parque empresarial de Cabana de Bergantiños, na provincia da Coruña.

O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto. Non obstante, inclúe condicionantes en distintos aspectos como a protección do patrimonio natural, a xestión dos recursos hídricos -o abastecemento, saneamento e xestión das augas pluviais- e as limitacións de uso derivadas do ruído existente.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta de media decena de organismos públicos interesados e tanto o borrador de Peose como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións oportunas.

Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor -Xestur- e ao órgano substantivo, que é a Consellería de Economía e Industria, xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Cómpre lembrar que o obxectivo do Peose é planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para o desenvolvemento do polígono industrial de Cabana de Bergantiños, un desenvolvemento previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg).

O ámbito de actuación do Peose é un espazo de preto de 27 hectáreas de extensión que se localizan no ámbito delimitado ao norte e oeste por un regato innominado, ao leste polo rego de San Loto e ao suroeste pola autovía da Costa da Morte (AG-55).

O proxecto prevé dous espazos de ordenación da actividade industrial, a rede viaria básica para artellar as comunicacións internas e externas -que incluirá un carril bici-, unha área de aparcadoiro, unha zona verde e unha parcela de servizos para a construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR).