A Xunta de Galicia vén de licitar a reforma integral do CEIP O Areal de Camariñas

A Xunta de Galicia vén de licitar a reforma integral do CEIP O Areal de Camariñas. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destina a esta actuación un orzamento base de 1.156.636 euros, IVE incluído, segundo recolle o anuncio publicado este venres na plataforma oficial de contratación Contratos de Galicia.

Actuacións previstas no centro educativo

A intervención enmárcase nas políticas da Xunta orientadas á mellora da eficiencia enerxética e á modernización das infraestruturas educativas en Galicia. O proxecto contempla unha rehabilitación integral do centro, con actuacións tanto no exterior como no interior do edificio.

Entre os traballos previstos figura a substitución da cuberta, que será renovada con panel sándwich con illamento de la de roca, así como a renovación de canalóns e baixantes. Tamén se instalará un sistema de illamento térmico exterior nas fachadas, co obxectivo de mellorar o comportamento enerxético do inmoble.

Así mesmo, procederase á substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento. A actuación inclúe ademais a renovación completa do sistema de iluminación, que pasará a ser LED e contará con sistemas de regulación e detectores de movemento.

O proxecto complétase coa instalación de falsos teitos, a renovación da carpintería interior, o pintado xeral do edificio e a adecuación da sinalización corporativa oficial dos centros educativos galegos.

Esta mellora xa fora anunciada polas deputadas autonómicas Paula Mouzo Mas e Rubén Lorenzo durante a valoración dos orzamentos e foi confirmada posteriormente polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, consolidando así unha actuación longamente demandada pola comunidade educativa de Camariñas.