A Xunta destaca o liderado de Galicia no sector primario a nivel nacional

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias participou hoxe na xornada técnica `A granxa do futuro, xa é presente´, organizada por GEA e Bioprana e celebrada na Gandaría Pastora, en Muxía

José Balseiros salientou que Galicia é toda unha potencia láctea, que produce o 42 % do leite de todo o Estado e transforma o 75 % da materia prima producida dentro da nosa comunidade

O director xeral fixo tamén referencia ás diferentes liñas de achegas impulsadas polo Goberno autonómico para impulsar o sector primario da comunidade, como poden ser as axudas para favorecer a incorporación de mozos ao agro e os plans de mellora

Muxía (A Coruña), 27 de febreiro de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou no día de hoxe na xornada técnica A granxa do futuro, xa é presente, organizada por GEA e Bioprana e celebrada na Gandaría Pastora, no concello de Muxía. Alí, o director xeral destacou o liderado de Galicia no sector primario a nivel nacional.

De xeito concreto, destacou que Galicia é toda unha potencia láctea, xa que na nosa comunidade se produce o 42 % do leite de España, e ocupa o posto número nove entre as rexións máis produtoras de Europa. Ademais, en Galicia transfórmase o 75 % da materia prima que se produce.

Balseiros fixo tamén referencia ás diferentes liñas de achegas impulsadas polo Goberno autonómico para impulsar o sector primario da comunidade, como poden ser as axudas para favorecer a incorporación de mozos ao agro e os plans de mellora, unha das partidas máis importantes da Consellería do Medio Rural, tanto pola súa contía económica como polo número de beneficiarios.

Neste sentido, lembrou as axudas para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común e o uso de maquinaria en réxime asociativo, entre outras, que favorecen a introdución de novas tecnoloxías nas explotacións.

Xornada técnica: A granxa do futuro, xa é presente

Esta xornada técnica conta cunha completa programación que inclúe relatorios sobre o sector lácteo, poñendo o foco sobre a transformación e a resiliencia fronte ao cambio climático ou na descarbonización. Do mesmo xeito, abordáronse cuestión vencelladas coa robotización ao servizo dos gandeiros e celebrouse unha mesa redonda sobre o presente e o futuro no sector que contou coa participación de profesionais.