
A Xunta de Galicia investirá máis de 46.000 euros en obras de mellora na escola infantil de Fisterra, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do concello, Luís Manuel Insua, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a execución desta actuación e visitaron o centro.
As obras, que se encargará de executar o concello durante os meses de verán aproveitando que a escola non ten actividade, consistirán no subministro e instalación de toldos no patio exterior, así como no pintado das fachadas, das aulas e do comedor. Tamén se instalarán un novo falso teito na cociña e unha porta de acceso a aulas, ademais de renovarse as mosquiteras, os rodapés e os protectores de esquinas
Perfecto Rodríguez enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade. Ao respecto, destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 65%, 15 puntos por riba da media nacional.
Melloras en escolas das redes autonómica e local
A mellora deste centro forma parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica. A Xunta destinará a estas actuacións, preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT).
Con estes fondos acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento, en función das necesidades que teñan os centros.