
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da Comunidade de Usuarios de Augas de Xende, no concello da Lama, que foi unha das beneficiarias das axudas convocadas por Augas de Galicia para a mellora das súas instalacións.
En concreto, esta comunidade de augas recibiu unha achega de 15.000 euros que lles permitiu mellorar a impermeabilización do seu depósito co obxectivo de minimizar o risco de fugas e de garantir a salubridade da auga que consumen ata 16 fogares.
Na área de influencia de Pontevedra foron sete as comunidades de augas que se beneficiaron destas axudas por un valor total de case 90.000 euros.
O delegado territorial destacou a importancia de seguir colaborando con estas asociación que “levan a cabo unha labor imprescindible para manter vivo, e con todos os servizos necesarios, moitos puntos do rural galego”.