
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, na que acordaron destinar 1,25 millóns de euros para mellorar o saneamento da localidade coa construción dunha nova estación depuradora de augas residuais, no lugar de Beo, na parroquia de Vilanova de Santiso.
En concreto, a Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará o 80% do proxecto, mentres que o 20% restante correspondería á Administración local. Esta actuación será cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Galicia 2021-2027.
A previsión é asinar nas vindeiras semanas o correspondente convenio de colaboración entre as dúas administración co obxectivo de que este proxecto saia a licitación no primeiro semestre deste ano 2026.
A maiores, no encontro tamén analizaron a situación da EDAR localizada no lugar da Balsa, en Buño, de cara a avaliar posibles actuacións no futuro, así como vías de colaboración para acometelas.
Durante a reunión a conselleira reiterou que, aínda que as competencias en materia de saneamento e depuración son municipais, a Xunta mantén o seu compromiso de prestar apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar un servizo de calidade.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos de 2026, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.