
A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, rematou as actuacións previstas para reducir o risco de inundacións no municipio de Carballo, cun investimento total superior aos 6,3 millóns de euros.
A última intervención recepcionada oficialmente corresponde á mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso pola ligazón da AG-55 e da AC-552, na rúa da Cepeira, na parroquia de Santiago de Sísamo. Esta actuación contou cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros e tiña como obxectivo solucionar os problemas derivados da escasa capacidade da ponte existente, dos terrapléns situados nas dúas marxes e da acumulación de vexetación, factores que favorecían os desbordamentos durante episodios de fortes choivas.
O proxecto permitiu incrementar a capacidade de desaugadoiro mediante a creación dun canal de drenaxe transversal paralelo á ponte, que funciona como by-pass nos momentos de aumento do caudal, ademais da construción dunha estrutura de formigón na zona.
Estas obras forman parte do convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para mellorar a capacidade hidráulica do río e minimizar o risco de inundacións nunha área considerada de risco potencial significativo de inundación (Arpsi). As actuacións foron cofinanciadas con fondos Feder da Unión Europea.
Entre as intervencións realizadas destacan tamén a construción dun canal de derivación na zona do muíño do Quinto, a remodelación integral do parque de San Martiño e da ponte da rúa Sol, onde ademais se habilitou un canal de augas altas. Así mesmo, foi necesario derrubar unha ponte na rúa Fomento e un edificio situado na rúa Sol para mellorar o fluxo da auga.
Desde a Xunta subliñan que todas estas actuacións xa demostraron a súa eficacia durante as intensas choivas rexistradas o pasado inverno, evitando desbordamentos e reducindo considerablemente o impacto das inundacións no núcleo urbano do municipio.

