A Xunta renova o seu apoio ao ‘Castañazo’ de Chantada, que celebra a súa 20ª edición o venres e o sábado

A Xunta de Galicia renova a súa colaboración co festival Castañazo de Chantada, que cumpre 20 edicións este venres 31 de outubro e o sábado 1 de novembro.

A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a presentación do programa, coa participación do delegado territorial, Javier Arias, xunto cos membros da organización Ana Lage e Paulo Gómez.

O cartel inclúe unha decena de concertos de grupos galegos e actividades paralelas para todas as idades. O venres actuarán The Rapants, Catuxa Salom, Mondra, Liviao de Marrao e Terrae; e o sábado será a quenda de Baiuca, De Ninghures, Rastreros, A Banda da Loba e Orquestra Bravú Xangai.

A programación musical complétase con Yaya Dj e pasarrúas con Mekanika Rolling Band. Nas dúas xornadas ofrécense actividades complementarias, como feira de artesanía, cantos de taberna, Xogos Bravús e o espectáculo infantil de música e teatro Ourizo Miúdo. Todos os detalles e horarios figuran na páxina web do festival.

Arias felicitou á asociación Castañazo pola traxectoria desta cita, da que destacou o impacto positivo que ten na economía da zona e “a aposta por exhibir a vitalidade da música galega, con dous días de actuacións en directo de músicos e bandas da Comunidade e moito talento lucense”.