Actos vandálicos no parque infantil de Vimianzo obrigan ao Concello a facer un chamamento ao civismo


O Concello de Vimianzo denunciou hoxe novos actos vandálicos nas infraestruturas municipais, nesta ocasión no parque infantil da vila. Fontes municipais cualifican estes feitos de “inadmisibles” e lembran que o mantemento dos espazos públicos é unha responsabilidade compartida de toda a veciñanza.

Desde o Consistorio insístese na importancia do civismo para preservar o patrimonio común e garantir un bo uso das instalacións municipais. “O noso concello é a casa de todos e todas, e debemos coidalo como tal”, sinalan.

O Concello fai un chamamento á responsabilidade individual e colectiva para evitar que situacións coma esta se repitan e para poder seguir desfrutando dun municipio limpo, seguro e respectuoso co seu entorno.